RUTAS DE SENDEIRISMO

    

Por Fao están trazadas dúas rutas de sendeirismo, que intentan segui-las ribeiras dos ríos, con abundante vexetación autóctona e pasando polas paraxes de maior interese.

      Ruta dos tres ríos: da Santaia á Ponte Basebe        

    Esta primeira ruta arranca da Área Recreativa da Santaia, segue pola marxe dereita do río Lañas,  preto da aldea de Bustelo, pasa polos muíños da Carballa que foron restaurados recentemente e o chegar á Ponte da Carballa, cruza para a outra marxe do río Lañas e segue polos montes de Cornado. Un pouco máis abaixo do muíño das Pombas e da presa do Xastre pasa xunto a un espectacular salto natural do río, no que se pode observa-la forza erosiva da auga que durante miles de anos foi desgastando as rochas e formando ocos redondeados polos que a auga baixa con forza formando figuras caprichosas ó ser fotografada, como ocorre na foto ilustrativa cando se amplía. ¡Ben poidera ser refuxio de trasnos e pantasmas! Ou testemuña de crimes ou suicidios espantosos. Seguindo un pouco máis, pasamos por diante da casa do Xastre e desvíase un pouco do curso do río ata chegar a unha ponte sobre o río Beseño dende a que se ve a igrexa de Santiso de Cornado. Baixamos a carón deste río ata a súa desembocadura no río Lañas, seguimos ata a ponte da Laña e cruzamos o Lañas para a outra marxe, xa na parroquia de Novefontes e seguimos pola súa beira dereita ata a súa desembocadura no río Ulla. Seguindo un pouco máis está a Ponte Basebe que é onde remata esta ruta de aproximadamente 10 Kilómetros que se pode facer en menos de catro horas. Levando un calzado apropiado non presenta maiores dificultades agás ter que subir e baixar algúns desniveis.

      Ruta da Ribeira do Ulla: da Ponte Basebe ó Pozo do Pego (homologada)

      Falamos desta segunda ruta porque tamén se percorren os montes de Fao, próximos ó Ulla, nunha boa parte do seu traxecto. A ruta comeza na Ponte Basebe, pola marxe dereita do río Ulla, atravesa a carballeira de Basebe, segue pola beira do río ata chegar a unha presa, aquí hai que coller un carreiro a dereita e deixa-lo curso do río para seguir por un espeso e impoñente bosque de plantas autóctonas ata chegar a un cruce de camiños onde temos que coller monte abaixo e chegar de novo á marxe do río por onde seguiremos un longo traxecto que nos levará á fervenza  do Inferniño, fervenza que forma o regato Liñares entre as parroquias de Fao e Novefontes. Na cima desta fervenza hai un muíño de auga aínda ben conservado, pero para visitalo hai que aparruñar polos peñascos que forman a fervenza para salvar un forte desnivel no curso do regato (só para os máis atrevidos). Partindo da parte baixa da fervenza hai que seguir por un carreiro apartado do Ulla e que pasando por Quintas, cerca da casa do Malagueño, segue polos montes de Fao ata  meterse de novo pola beira do río, cerca do pozo de Trapa. Antes de chegar a este lugar, podemos observar preto do camiño os restos de recintos circulares, excavados na terra e rodeados con muros de pedra cunha pequena entrada que os paisanos chaman ouriceiras porque se gardaban aquí os ourizos cando se sacudían os castiñeiros. O que habería que investigar é se foron construídos con tal finalidade ou se polo contrario xa existían e despois foron empregados como ouriceiras. Atravesamos pola carballeira que hai xunto o pozo de Trapa onde anchea bastante o río, despois por unha leira de eucaliptos e volvemos a deixa-la marxe do río para subir cara o monte do Retorno, pasamos ó lado da vella casa do Retorno e logo pasamos moi pretiño do Pazo de San Cristovo. Despois de visita-los restos do pazo, se é que somos capaces, polo abandono no que se atopa, dirixímonos por un carreiro fondo e estreito ata chegar ó regato de Portamuíños, onde hai varios muíños abandonados. Atravesando este regato, seguimos por un bosque denso ata chegar a unha fervenza que forman as augas que baixan da aldea de Pena e que despois se dispersan en sinuosos regatos que baixan polas penas e polo monte que ten aquí un gran desnivel ata chegar ó Pozo do Pego no río Ulla, onde o río xira  despois de formar un amplo e profundo  remanso do que se contan moitas historias. Din algúns paisanos que as augas facían un remuíño  do que os nadadores non daban escapado e despois de tragalos ían saír río abaixo. Para chegar ó Pozo do Pego hai que baixar por un camiño de carro e despois de contemplar a beleza deste lugar retrocedemos polo mesmo camiño para continuar coa ruta meténdonos por pistas da concentración parcelaria ata chegar á estrada que baixa de Fao a Ribeira. Aquí remata o itinerario desta segunda e cen por cen natural, ruta de sendeirismo.


Contacto

Parroquia de Fao

Visiten tamén a páxina sobre o Concello de Touro:
https://concellodetouro.webnode.es/