PERSOEIROS

Persoeiros (Non están tódolos que son pero son tódolos que están)

  

Veloso (Futbolista)   

 

     

     Inauguramos esta sección co futbolista Veloso. José Luis Fidalgo Veloso naceu en Santiago de Compostela o 23 de xullo de 1937.  Xogou en varios equipos: Eiriña, Vasquiños, C. Santiago, Turista de Vigo, Deportivo da Coruña, Real Madrid, Orense, R. Vallecano e Compostela. Pero onde comezou a coñecerse como futbolista famoso foi no Deportivo de A Coruña formando un tándem mortal de cara a portería rival con Amancio Amaro, marcando eles gran parte dos goles do equipo. Igual que Amancio tamén fichou polo Real Madrid onde xogou 4 tempadas entre os anos 1965 e 1969, acadando nese tempo tres Ligas e unha Copa de Europa entre outros títulos. Formou parte daquela mítica alineación do Real Madrid onde xogaban os Amancio, Velázquez, Gento, Groso, Serena e outras figuras. A súa dona, coa que casou de mozo, é da parroquia de Fao onde actualmente pasa longas temporadas e aproveita para marcarse unhas boas camiñatas polos sendeiros de Fao e outras parroquias veciñas.. 

Mª Victoria Couto Vilar (xuíza )

    A Dra. Mª Victoria Couto Vilar naceu na parroquia de Fao e cando tiña cinco anos tivo que marchar para Montevideo, capital de Uruguay,  porque os seus pais tiveron que emigrar coma moitos máis. Ven a ser filla de Alfonso Couto (falecido) e de Rosalía Vilar. Moi sacrificada nos seus estudos, o que lle permite ir escalando postos na súa profesión. Non hai moito  que pasou a ter un cargo importante na administración uruguaya, o que alá chaman Ministra do Tribunal de Apelacións, en Montevideo, nomeamento feito pola Suprema Corte de Xustiza da República de Uruguay. Cando ten ocasión, non deixa de visitar a parroquia de Fao.

 

Manuel Amigo Vázquez (mestre - procurador,  falecido)

     D. Manuel Amigo Vázquez traballou como mestre en varias escolas ata que finalmente obtivo destino na escola nacional da parroquia de Fao, a súa terra, onde substitúe a aquel mestre tan rezador que lle apodaban "Xan Grande". Impartiu clases alá polos anos sesenta. Pero aparte de impartir clases adicábase a outras tarefas.  Eran moitos os veciños da parroquia que solicitaban os seus servizos cando querían facer as escrituras de compras ou permutas de fincas. Na maioría das casas de Fao hai escrituras de fincas do seu puño e letra. Tamén xogou un papel moi importante na apertura da estrada entre Fao e Touro, poñendo cartos do seu bolsillo e contando coa axuda dos veciños e incluso dos alumnos maiores da escola,  botáronse moitos tractores de pedra na mencionada estrada, pedra que era arrancada no campo do Moutarón, onde se fan as festas parroquiais. Cando se xubilou, ven a ocupar a praza vacante un xoven mestre, D. Jaime Viaño Calviño,  que chega con ganas de ensinar e logra que a maioría dos seus alumnos consigan progresos significativos a curto prazo. Este mestre que impartiu clases en Fao e despois no centro agrupado de Touro durante varios anos, tamén está moi vencellado a esta parroquia, xa que está casado cunha veciña de Fao, tamén mestra,  Dna. Carme Fernández Brea.



  Jesús Fernández Brea (rexistrador da propiedade)

     D. Jesús Fernández Brea, "Suso de Fernández", fillo dos finados Maruja e Francisco de Fernández, os que rexentaban a taberna que había frente ó local da escola. Moi sacrificado nos estudios, fixo a carreira de Dereito e máis tarde preparou e aprobou as oposicións a Rexistrador da Propiedade, cargo que desempeña na actualidade.



  Angelito Becerra (frade do Entroido, falecido)

     Máis coñecido polo "Padre Ribadulla", típico frade do Entroido de Fao, que fixo disfrutar cos seus sermóns a tantos miles de persoas que teñen acudido a Fao o martes de carnaval. O seu discípulo "O Padre Antonio" é o que se encarga agora desta tarefa.



  Relixiosos


  José Manuel Grandas Lago ( sacerdote ).

     Comezamos este apartado dedicado ós relixiosos nados na parroquia de Fao, falando dun xove sacerdote, D. José Manuel Grandas Lago, da familia Lago (aldea de Pena), recentemente ordenado sacerdote, que tamén fora bautizado nesta parroquia polo Padre D. Luis Amor, e 24 anos máis tarde, este mesmo sacerdote, pola festa do Carme do 2008, asistiu xunto con outros sacerdotes a primeira misa que José Manuel celebraría en Fao, onde a xente da parroquia lle ofreceu mostras afectuosas de cariño e o desexo de que Deus lle dea unha longa vida no mundo do sacerdocio.



  Ramón Suárez Santiso (sacerdote jesuíta)

     D. Ramón Suárez Santiso, pertence a unha longa e coñecida familia desta parroquia, da que tamén forman parte outros membros con importantes profesións ( médicos, psicólogos, avogados, etc.) Trátase da "familia Cruz". O Padre Ramón, persoa moi querida, nunca perdeu o contacto con esta parroquia e cando as obrigas do seu destino llelo permiten fai escapadas a súa parroquia natal e colabora co cura párroco de Fao, dicindo misa ou prestando outro tipo de axuda.



  José Couto Pampín (sacerdote falecido)

     D. José Couto Pampín foi outro fillo desta parroquia dedicado ó sacerdocio. Di a xente que era moi discreto cando celebraba e moi espléndido cantando. Na actualidade aínda vive a súa nai, pero él faleceu na plenitude da súa vida sendo cura párroco de Gres, xunto a Ponte Ledesma.



  Manuel Fernández Lago (sacerdote falecido)

     D. Manuel Fernández Lago, " O Cura de Fernández", estivo de cura párroco na parroquia de Santa Leocadia (Arzúa) e despois foi nomeado capelán do convento de Clarisas Descalzas, situado na Praza de Santa Bárbara (A Coruña) onde exerceu o sacerdocio durante bastantes anos, falecendo cunha longa vida a súas espaldas.
      Outro sacerdote coñecido, relacionado coa parroquia de Fao é "o Cura Xunqueira" que atende varias parroquias de Vila de Cruces (Pontevedra). O seu pai saíu da casa de Amigo de Fao.
     Na antiga casa do Tendeiro de Fao tamén houbo, xa fai bastantes anos, outro cura que está enterrado no cemiterio parroquial.



   Relixiosas
 


         No convento de Clarisas antes mencionado estaba  Manuela Fernández (irmá do sacerdote), tamén falecida. Neste mesmo convento aínda exercen a súa clausura outras relixiosas  veciñas de Fao: María de Goracho, Carme do Xepe e Carmen de Rey.

     Outras veciñas de Fao que exercen a súa vocación relixiosa en distintas ordes relixiosas e en distintos conventos son: a "Monxa de Andrés", a "Monxa de Amaro",  as irmás "Margarita e Pilucha de Valerio" e "Carme de Monteiro".



  Personaxes míticos



  O "Santo Entroido" de Fao (protagonista do Entroido)



       O "Santo Entroido" é o principal protagonista da festa pagana de Martes de Entroido que se acostuma a celebrar na parroquia de Fao. O Entroido é un personaxe simpático, osado, que disfruta dos máximos praceres da vida, derrochador, que transmite ós demáis; chispa, ledicia, ritmo, luxuria, abusos e pracer para os sentidos, en fin, representa ao pecado. Por iso esta festa estivo moitos anos prohibida pola Igrexa Católica  e despois do seu santo enterro, o martes de carnaval deixa paso a Dona Coresma que sae vencedora ata o vindeiro ano, despois do seu enfrontamento co Entroido.




   O Vello dos Cornos (personaxe do Entroido)



       O Vello dos Cornos non é unha persoa real. Trátase tamén dun personaxe típico das máscaras de Martes de Entroido en Fao. Para disfrazarse de Vello dos Cornos había que buscar un home que cos seus ditos ocorrentes e chistosos soubera dar boas respostas aos demáis personaxes da comparsa carnavalesca (vellos, alcalde, frades, etc.) coa intención de facer rir á xente.



  Esta lista irá medrando segundo vaia recibindo datos de novos persoeiros na seguinte dirección:  ramonbus@hotmail.es
 

 


Contacto

Parroquia de Fao

Visiten tamén a páxina sobre o Concello de Touro:
https://concellodetouro.webnode.es/