INFORMACION

 

IGREXA DE FAO

Datos de interese

  PATRONA: Santa Uxía.                                                                      

Superficie da parroquia: 7,51 Km²  = 751 hectáreas = 14011 ferrados.

Habitantes ano 2004: 246.

Latitude: 42º50'

Lonxitude: 8º17'

Lugares: Aldrén, Arroeiro,  Bustelo,  Cascallón,  Cruz,  Dezas,  Eirexe,  Gagos,  Moutarón,  Paces,  Pena,  Soutullo e Torre.

Sacerdote:  D. José Manuel Recarey Añón (Párroco das parroquias de Touro, Fao, Novefontes, Loxo e Bama).

Teléfono Casa Rectoral de Touro: 981504054

E_mail: mailto:uptouro@archicompostela.org

    Situación

    A parroquia de Santa Uxía de Fao está situada no centro sur do concello entre as marxes do río Ulla e un afluente deste que é o río Lañas. O chamado “Camiño Real” que atravesa a parroquia pola súa parte máis alta separa as dúas vertentes, a do Lañas orientada cara o norte, con clima máis frío e abundantes xeadas e a vertente do Ulla orientada cara o sur, con un clima un pouco máis benigno. Na vertente norte sómente está situada a aldea de Bustelo, que é a máis afastada da igrexa parroquial.

    Na parroquia de Fao,  na aldea de Soutullo, estivo en tempos pasados a Casa do Concello de Touro.  

        Ríos

      O río Ulla é o máis importante tanto desta parroquia coma do Concello de Touro, pasa polo sur-oeste  sendo linde deste concello co de Vila de Cruces na Provincia de Pontevedra. Un afluente do Ulla, o río Lañas é o que lle sigue en importancia que pasando polo leste da parroquia xúntase co Ulla na parroquia de Novefontes. Sobre o río Lañas está a Ponte da Carballa que comunica as parroquias de Fao e Cornado. Máis arriba desta ponte, 500 metros río arriba, enfronte da presa do Tendeiro, están os muíños da Carballa, recentemente restaurados. Máis abaixo da ponte, collendo polo carreiro de sendeirismo a esquerda do río,  chegaremos á fervenza ou salto natural das Pombas, a menos de un quilómetro. Outros arroios de menor importancia son o Liñares que forma a fervenza do Inferniño despois de prestarlle a súa enerxía a un muíño aínda ben conservado e logo máis abaixo desemboca no Ulla. O rego de Portamuíños no que tamén se conservan varios muíños en estado ruinoso desemboca no río Ulla cerca do chamado Pozo do Pego. A este mesmo pozo chega tamén un pequeno regato procedente da aldea de Pena que forma unha fervenza un pouco antes de desembocar. Cerca desta fervenza, no fondo da aldea de Pena hai un mirador natural dende o que se pode observar unha gran vista panorámica sobre o Pozo do Pego, no río Ulla. Na vertente do río Lañas fórmanse algúns regatos de pouca importancia: o rego do Chouso de Castelo, o do Monte Vello, o das Fonteliñas, o das Pombas e o de Cal de Figueiras.

      Lindes

       Linda polo norte coa parroquia de San Xoán de Touro; polo sur, coa parroquia de Santiago de Novefontes e en parte  co río Ulla; polo leste co río Lañas (afluente do Ulla) que a separa da parroquia de San Tirso de Cornado e polo oeste co mencionado río Ulla, coa parroquia de San Pedro de Ribeira e en parte coa parroquia de Santa María de Loxo.

       Clima, cultivos e gandería

   Clima de tipo oceánico, húmido, bastante chuvioso pero san e ventilado con invernos non demasiado fríos e veráns bastante suaves. Máis frío na vertente norte, a do Lañas,  pero na vertente do Ulla hai zonas bastante abrigosas nas que se produce viño de boa calidade, froitas, verduras e legumes. Tamén se producen os cereais típicos da comarca, sobre todo millo, trigo, centeo e aveas.  A  carón dos regatos hai boas praderías e o terreo é en xeral de boa calidade o que debería favorece-la cría de gando vacún pero éste está desaparecendo case por completo. Abunda o bosque autóctono sobre todo carballos e castiñeiros que producen boas castañas pero estes últimos están desaparecendo debido a enfermidade da tinta e outras pragas. Por outra banda o monte está sendo invadido polas plantacións que se están facendo con árbores de crecemento rápido como son os pinos e eucaliptos aínda que estes tamén están sendo atacados polas pragas, sobre todo o eucalipto do país. Os organismos correspondentes da Xunta de Galicia deberían tomar canto antes as medidas oportunas para evita-lo desequilibrio das distintas especies do sector forestal, que é o único sector que lles queda ós labregos, tendo en conta que en moitas parroquias está desaparecendo case por completo a agricultura e a gandería. Tamén haberá que tomar medidas para recupera-lo rendemento da  madeira, suba do prezo do leite, da carne e en xeral de tódolos productos agrícolas e gandeiros cortándollelo paso ós productos que nos invaden doutros países, para evitar deste xeito o progresivo abandono do medio rural, cousa que se está producindo a pasos axigantados.

       Recursos económicos

   Na parroquia de Fao case se contan cos dedos dunha soa man as  familias que teñen vacas de producción de carne ou leite e que vivan directamente da agricultura e da gandería, cousa que era normal non  hai moitos anos. Algúns que teñen algún animal na casa ou sementan cereais fano case por divertimento ou para que non vaian as leiras a monte pero non polo rendemento que lles quitan. O que si é costume, ter galiñas e criar porcos para matar na casa sen ter que pasar tanto pola carnicería.  A maioría da xente que queda nas aldeas é xente da terceira idade que vive das xubilacións. Os máis xoves, e non tan xoves, teñen que buscar emprego fora da parroquia traballando en profesións moi variadas que nada teñen que ver co sector agrícola ou gandeiro. A pesares de todo isto, hai persoas que se esmeran por facer rendible o sector gandeiro montando granxas modernas cun elevado número de animais ou formando parte de cooperativas nas que se reparten o traballo e os beneficios. Nesta parroquia hai que destacar con diferencia a “granxa de Rafael” que polo número de reses é unha das maiores de todo o concello. Despois hai fontaneiros, electricistas,  carpinteiros, etc.. que traballan por conta propia ou son empregados dalgunha empresa de fora da parroquia. Non hai ningunha outra industria digna de mención. A única cooperativa do sector téxtil  que había na parroquia e que daba emprego a varias mulleres tivo que cerrar pola competencia desleal que supón a entrada no mercado galego de productos procedentes da China e doutros países onde a man de obra é moito máis barata pero os productos son de inferior calidade. A Xunta de Galicia, o Goberno de España ou a Comunidade Europea deberían de poñer freo  e regular  este tipo de comercio.   

       Hai algo de pesca e caza, sendo o xabarín o máis perseguido polos cazadores, xa que hai bastantes animais desta especie e causan graves danos nas fincas agrícolas. Para paliar os danos producidos polo xabarín, os agricultores e gandeiros profesionais que obteñan polo menos un 50% das súas rendas  das actividades agrarias, poden solicitar axudas, sempre que o importe do dano estea comprendido entre un mínimo de 120 euros e un máximo de 1200 euros. Para millo de gran, o importe será de 13 céntimos de euro por metro cadrado. Para máis información hai que ir a Orde do 1 de agosto de 2006 da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible publicada no DOGA o día 8 de agosto de 2006.

      Comunicacións

       A parroquia de Fao está bastante ben comunicada coas outras parroquias da marxe do Ulla dende que se fixo a estrada que vai dende Merés ó empalme de Vilar. Está ben comunicada con Touro, capital do concello, da que dista dous quilómetros. Tamén pasa por Fao o “Camiño Real” (ou ramificación doutro Camiño Real máis principal) que comunicaba desde hai moitos anos a comarca de Santiago co concello de Vila de Cruces na provincia de Pontevedra atravesando o río Ulla pola antiga ponte Basebe na parroquia de Novefontes, e aínda hoxe en día é lugar de paso, despois da construcción dunha nova ponte.        

        Festas

       As festas patronais de Fao son no mes de setembro, o día 11 na honra da Patrona Santa  Uxía, o día 12 na honra do Santísimo (Corpus Cristi) e o día 13  na honra de Santa Lucía. Tamén se celebra a festa do Carme que é o sábado seguinte ó 16 de xullo e o San Antonio o sábado seguinte ó 13 de xuño. O carnaval celébrase o martes de Entroido coas típicas máscaras e Xenerais do Ulla.

      Igual que ocorre noutras parroquias existe a tendencia de facer coincidir as festas patronais co fin de semana para xuntar máis xente, aínda que algúns veciños non están dacordo con esta solución.

      Se queren ter máis información da vida dos santos festexados na parroquia, visiten as seguintes páxinas Web.

     San Antonio   https://www.churchforum.org.mx/santoral/Junio/1306.htm

    Virxe do Carme   http://www.magnificat.ca/cal/esp/07-16.htm#carmel  

    Santa Uxía (Eugenia)   https://www.elalmanaque.com/santoral/septiembre/11-9-eugenia.htm    

 https://es.catholic.net/santoral/articulo.php?id=14791

     Santa Lucía Mártir  https://www.magnificat.ca/cal/esp/12-13.htm

                                                  https://www.es.catholic.net/santoral/articulo.php?id=548 

      Corpus Cristi   https://www.rosario.org.mx/biblioteca/corpus.htm  

      https://www.churchforum.org/info/Liturgia/Corpus_Christi.htm

                 https://www.corazones.org/biblia_y_liturgia/liturgia/corpus_christi.htm

      Xenerais do Ulla

       A festa máis tradicional e que máis arraigo e sona ten en todo o contorno é a do Entroido de Fao que se celebra o martes de carnaval pola tarde, coa típica mascarada e cos típicos “xenerais do Ulla” montados a cabalo. Non só na parroquia de Fao se celebran as típicas “máscaras” cos xenerais, tamén noutras parroquias de Touro como Bama, Touro, Novefontes e Cornado se teñen feito, igual ocorre noutras parroquias de concellos limítrofes. En cada sitio faise dun xeito parecido pero distinto. Non se sabe de certo cal é a orixe dos xenerais, fálase das antigas pelexas entre mouros e cristiáns e tamén hai quen di que se veñen celebrando así dende a invasión dos franceses pola similitude que hai entre as vestimentas dos soldados franceses e as dos “xenerais do Ulla”.

        Na parroquia de Fao, a forma de celebra-lo martes de Entroido ven sendo a mesma dende fai moitos anos. Despois de ensaiar varios días e de ter que moverse para buscar cabalos, vestimentas, megafonía, bombas, acondiciona-lo campo da festa para a "parada dos xenerais" facendo un cerrado cun arco na entrada que xeralmente se fai con mimosas..., en fin, a comisión organizadora ten que preocuparse destas e doutras moitas cousas para que todo estea a punto.

        Os primeiros en anunciar que empeza a festa son os Xenerais e Correo que se reparten polas distintas aldeas, entrando nas eiras para bota-las “vivas”, primeiro ó patrón da casa e logo ós demais familiares e festeiros que ese día veñen a come-la cacheira e os outros manxares típicos do carnaval. A xente corresponde cunha aportación monetaria  para sufraga-los gastos desta e doutras festas. Mentres tanto xa se vai xuntando a xente no campo da festa onde a parranda ou “rumba da Susita” empeza coas típicas cantigas satíricas e picantes acompañada tamén pola afamada “banda do Entroido” formada por algúns restos da antiga banda de música de Fao e outros compoñentes máis xoves que tocan noutras agrupacións musicais. Cando os Xenerais chegan de bota-las “vivas” esperan fora do recinto para dirixirse logo, acompañados pola banda de música e toda a comparsa, ó lugar da "parada dos xenerais" onde esperará o “centinela” no arco da entrada para dárllelo alto ó que fai de “correo” e logo entran os Xenerais montados en fermosos cabalos para ter un enfrontamento verbal e rimado no que repasan os últimos acontecementos das guerras e da política mundial. Cabalos e Xenerais van engalanados con traxes e monturas de vistosas cores. Os Xenerais levan traxes escuros bordados con adornos de ouro e cheos de condecoracións, levando tamén unhas bandas cas cores das bandeiras española e galega. Cobren a cabeza cunha especie de sombreiro ou bicorne con rechamantes plumaxes de pavo real, con flecos e outros abalorios de vistosas cores. Na man empuñan sable ou bastón de mando.

    Despois de face-las paces, os xenerais saen para fora do recinto e entran “os vellos” montados en burros ou noutros artefactos para darlle un toque de humor cos seus contos versificados e picantes nos que repasan os acontecementos da vida veciñal.

     Cando rematan os vellos, dende a mesa da alcaldía, é o “Alcalde do Entroido” o que fai un repaso xeral da vida municipal do Concello, parroquia por parroquia e aldea por aldea. O alcalde da paso a outros persoeiros pintorescos  e despois entran no campo os Srs. Frades, algún xa ascendido a Arcebispo, para redimir dos "pecados" a tódolos presentes.

       Finalmente faise o enterro do “Santo Entroido”, metendo o cadaleito no panteón de “Entroidos ilustres” despois de confortalo cos auxilios espirituais e coas cerimonias fúnebres habituais de dor e pranto. Así rematan os despropósitos e farturas de Don Carnal para dar paso a Dona Coresma, época de recollemento e abstinencia  de carne e dos outros praceres para os católicos practicantes.

    Outros personaxes típicos do entroido de Fao, en tempos pasados, eran "O Papamoscas" e "O vello dos cornos". O Papamoscas era un boneco que abría e cerraba a boca batendo os dentes, feitos con "bochas dos zocos". De "vello dos cornos" disfrazábase o home con máis humor e retranca para replicar con comentarios ocorrentes ós frades e demáis personaxes.

    Para ver máis fotos das máscaras de martes de Entroido en Fao vaian á seguinte páxina web: https://xeneraisdoulla.iespana.es

      Monumentos, pazos e restos arqueolóxicos

    O monumento máis importante da parroquia é a igrexa parroquial que ten forma de cruz, cunha nave principal e unha capela a cada lado. Ten o altar principal na nave central e nas capelas tamén hay dous pequenos altares con varias imaxes de santos. Ten un campanario en forma de espadana  e na fachada principal hai un escudo de pedra incrustado na parede que ten esculpida unha figura con forma de ave, e outros símbolos e letras. Habería que consultar cun experto en heráldica e xenealoxía para descobrir o seu verdadeiro significado.

     Segundo información facilitada polo mestre D. Jaime Viaño Calviño que ten falado do tema con un párroco que estivo na parroquia, parece ser, e ten certa lóxica, que a ave da que falamos é en realidade o diminutivo de "pato", ou sexa, un "patiño". Eran cinco parrulos de prata sobre fondo azul os que formaban o escudo de armas da  "Familia Patiño", e esta familia participaba na elección dos curas párrocos da parroquia, un párroco elixíao o obispado e outro a familia Patiño. O parrulo que está representado no escudo da fachada pode indicar que na construcción da igrexa tamén tivera que ver a mencionada familia Patiño. Esta distinguida familia ten a orixe primitiva en Galicia e as súas distintas ramas das que formaban parte duques e marqueses extendéronse tamén  por outras rexións (Portugal, Andalucía, Italia, ... ).

    Outro dato importante que lle da máis credibilidade a todo o exposto anteriormente, é o feito de que hai persoas maiores da parroquia que aseguran ter escoitado nas súas casas, ós seus antepasados, que unha tal "Señora de Patiño" foi a que lle cedeu á parroquia de Fao as terras que hai arredor da igrexa e da casa rectoral, o que lle chaman  "A Vesada". Non se sabe de certo que relación tivo a igrexa con esa doación, o certo é que na actualidade, quen administra estas terras é o Obispado. Como decía aquel dito popular, "con la iglesia hemos topado".

     Hai que destacar como anécdota que todo o conxunto da torre do campanario leva xa moitos anos cunha forte inclinación cara o exterior desafiando dalgún xeito as leis da gravidade.

     Outro monumento a destacar polas súas dimensións é o local parroquial que albergou durante moitos anos ás dúas escolas nacionais, de nenos e de nenas, coas súas respectivas vivendas. Xa decía o finado mestre,  D. Manuel Amigo Vázquez (natural de Fao) que era a casa máis grande da parroquia.

    Ademáis da Croa do Castro, castro celta do que se fala no seguinte apartado, podemos observar nos montes, sobre todo nos montes de Quintas e de Trapa, preto do río Ulla, recintos circulares, excavados na terra e rodeados con muros de pedra cunha pequena entrada que os máis anciáns chaman ouriceiras, porque se gardaban aquí os ourizos cando se sacudían os castiñeiros. O que habería que investigar é se foron construidos con tal finalidad ou se polo contrario xa existían e despois foron aproveitados para facer as ouriceiras.

     Tamén temos que falar dos hórreos que había na maioría das casas, algúns deles de considerables dimensións (hórreo do Crego) e outros de singulares características. Había os típicos lavadoiros,  fontes comunais, e os muíños que ben merecen un apartado para falar deles.

      Croa do Castro

    Aínda que os paisanos falan de contos e lendas de mouros encantados, que foron escoitando dos antepasados ó longo do tempo, a realidade, no que se refire á orixe dos castros, é moi distinta. Fálase de que a croa do casto era a eira dos mouros, que baixaban buscar auga á “mina de Pepín” por unha vaguada (natural ou artificial) que aínda se pode observar no monte. Outros contan que esta mina comunicaba coas covas do Pico Sacro  e co río Ulla. Hai quen identifica ós “nosos mouros”  cos árabes que invadiron España e que foron expulsados por “Santiago matamouros” e que os poucos mouros que quedaron aquí seguen vivindo en covas debaixo da terra onde gardan inmensos tesouros. Din algúns  que os tesouros estaban protexidos por serpes encantadas que de noite entraban nas casas dos veciños para mamar dos tetos das vacas ou das mulleres, e que para desencantalas había que darlle sete bicos ou arrincarlle un caravel que levaban na boca. Por iso din que cando os labregos traballan as terras onde hai covas de mouros, teñen que ter coidado cando aran e non afondar moito para non desfacerlle-lo tellado das covas. Cando ninguén os ve, saen das covas na procura de alimentos, roubaban porcos e tamén lles gustaba o viño, polo que non debían de ser demasiado relixiosos porque a doutrina de Mahoma non permite beber viño nin comer carne de porco. Cando os porcos dos veciños andaban ceibos polo monte e se achegaban ás covas dos mouros, podían saír ó exterior as mulleres mouras, que por certo, eran moi fermosas e seductoras pero podíanse transformar en serpes que había que desencantar. Estas mulleres alimentaban ós porcos con landras e castañas e en pago disto, cando os porcos estaban ben cebados, había que deixarlle o mellor porco na entrada da cova. Ó amencer do día seguinte xa o tiñan metido para dentro do refuxio.

     Deixando de lado todas esas historias e lendas populares, que son moi fantasiosas pero que non teñen base nin fundamento, intentaremos ter en conta fontes de máis creto, como son as fontes arqueolóxicas e os obxectos que foron aparecendo en excavacións recentes, para chegar á conclusión de que a “croa do castro”,  o mesmo que ocorre noutros castros similares do noroeste da península Ibérica (entre 2000 e 2500) ten a súa orixe na chamada cultura castrexa que puido durar preto de mil anos, dende o século quinto antes de Cristo ata o século quinto despois de Cristo, xa que despois de que os celtas viviran moitos anos nestes castros, coa chegada dos romanos, estes seguiron protexendo este tipo de asentamentos.

      Os castros eran pequenas aldeas fortemente amuralladas e fortificadas, de perímetro redondeado que se facían en lugares altos de fácil defensa. Dentro destes recintos construían casas pequenas de pedra, con pouca altura e con tellados de ramallos, palla e posiblemente barro. Dentro facían lume para asa-la carne dos animais que cazaban e tamén cociñaban en pucheiros de barro. Tamén se teñen atopado muíños de pedra de pequeno tamaño, o que nos fai pensar que dentro dos castros tamén tiña que haber fornos para cocer algún tipo de pan. Arredor dos castros do interior  de Galicia cultivaban a terra e tiñan gando. Na costa dedicábanse ás artes de pesca e marisqueo que era o seu principal sustento.

      A croa do castro ten unha superficie aproximada de 4900 metros cadrados, equivalentes a máis de nove ferrados da zona. Para calcular esta sembradura hai que ter en conta a anchura irregular que ten o muro que o rodea. Polas súas dimensións, non é precisamente dos máis pequenos que existen en Galicia. Está moi ben definido o longo de todo o seu perímetro. Por situarse no medio do monte, bastante afastado do que hoxe son núcleos habitados da parroquia de Fao, parece ser que a escasa acción da man do home nesta zona, pois non se realizaran traballos con máquinas agrícolas neste lugar, todo isto contribuíu de forma definitiva á boa conservación do castro. Na actualidade, a croa do castro está repartida en 17 fincas que pertencen a distintos propietarios. Tódalas fincas están dedicadas ó sector forestal; hai pinos, eucaliptos, carballos e castiñeiros.

       Sería aconsellable e desexable que os organismos correspondentes tomaran as medidas oportunas para protexer este lugar de accións incontroladas.

      Camiño Real

        A escasos cen metros da Croa do Castro, polos montes máis elevados da parroquia de Fao, pasa o que sen veu chamando ó longo dos anos “Camiño Real”.

       Para falar do Camiño Real, vamos facer primeiro unha breve reflexión histórica de como foron evolucionando os camiños dende os primeiros primitivos. No período Paleolítico cando a xente se alimentaba de froitos silvestres e  da carne dos animais que cazaba, os camiños eran naturais xa que ían seguindo os desprazamentos dos animais para poder cazar e ter alimento, polo tanto no existían camiños feitos a man. No período Neolítico os primitivos inventan a agricultura e xa comezan a domesticar animais, esto da lugar ós primeiros asentamentos ou poboados e polo tanto é de supoñer que xa  se vaian formando os primeiros camiños para relacionarse coas demais aldeas. Máis adiante, coa chegada dos celtas a Galicia, comeza un longo período que vai dende a Idade do Ferro ata os primeiros séculos despois de Cristo. Os celtas tráennos a cultura castrexa, vanse construíndo os castros que son asentamentos humanos que se facían en lugares altos, onde era máis fácil a súa defensa e ó mesmo tempo controlaban os camiños que os comunicaban. En Fao temos a Croa do Castro ó lado do Camiño Real, e polo xeral en moitos outros lugares de Galicia que conservan o topónimo “castro”, tamén houbo asentamentos celtas aínda que na actualidade se atopen desfeitos, na súa maioría pola acción do home. Despois dos celtas, chegan os romanos a Galicia, pero iso non supuxo a destrucción inmediata da cultura castrexa, seguíronse conservando a maioría dos castros e reforzáronse as comunicacións construíndo vías romanas empedradas sobre os camiños existentes e para acurtar distancias, os enxeñeiros romanos levantaron grandes pontes sobre os ríos, pontes que se conservaron intactas ó longo dos séculos. Igual que na actualidade, que hai autovías, estradas primarias, camiños de terra, etc., tamén había vías romanas de varios anchos e categorías dependendo do uso que se lle dera; moitos eran camiños de caracter militar para o paso das lexións romanas, outros eran rutas de transporte (a ruta da sal, do aceite, da prata, etc..).

          Resumindo, sobre os camiños prerromanos fixéronse calzadas romanas e sobre estas construíronse os camiños medievais e reais e aínda hoxe en día hai moitas estradas que seguen conservando o mesmo trazado.

         Tódolos estudios e libros que se foron escribindo nos últimos anos sobre as antigas comunicacións en Galicia  parten de escritos antigos como “os itinerarios de Antonino”, Ptolomeo, o “Anónimo de Ravena”, das “Táboas de Barro de Astorga”, dos miliarios que foron aparecendo, da toponimia existente (Castro, Rúa, Corredoira, Revolta, Lousada ou Lousarela, Pedreira, Vieiro, Mámoa, etc.). Os miliarios eran postes de pedra, cilíndricos, con base cadrada que se poñían ó lado das vías romanas e que tiñan inscricións sobre o tipo de vía, o nome do emperador romano e outros datos. A aparición dalgúns destes miliarios indica a existencia dalgunha calzada. Para descanso dos camiñantes, ó lado dos camiños había poboados e grandes mansións.

        Parte do itinerario de Antonino, “Tria – Assegonia - Brevis”, é o que pode estar máis vinculado ós asentamentos castrexos que había no que hoxe é o Concello de Touro, entre eles “A Croa do Castro” de Fao. Tria, o primeiro dos tres puntos do itinerario de Antonino, estaba situado cerca de Padrón, concretamente, moitos sitúano no que hoxe é Iria Flavia. O segundo punto Assegonia estaría situado preto de Santiago, varios investigadores sitúano no Concello de Boqueixón pola aparición dun miliario. O terceiro punto, Brevis, parece estar situado nas proximidades de Melide e despois seguiría a vía ata chegar a Lucus (Lugo). O certo é que os investigadores coinciden en algunhas cousas pero non coinciden nos mesmos trazados.        

     Un dos itinerarios romanos que máis se aproximan ó que hoxe é a parroquia de Fao é o que sinala G. Arias Bonet no libro “Los caminos del duumviro Lépidus y otras vías romanas. Vía de Lucus a Iria”. Este investigador sitúa a mansión romana de Pria que aparece nas Tablas de barro de Astorga, nun lugar de San Miguel de Moreira en Cuntis e dende aquí traza un camiño que vai costeando o río Ulla pola parte de Pontevedra ata poder atravesalo pola Ponte Basebe, despois seguiría por Novefontes e posiblemente atravesara o río Lañas pola Ponte Carballa, seguiría por Cornado e Turces ata chegar o monte do Viso en Dombodán onde hai unha capela e tamén había un antigo hospital de peregrinos. Neste monte situaría Assegonia.

        O doutor en Historia, Benito Sáez Taboada que escribiu a obra titulada “Las comunicaciones romanas en la provincia de A Coruña” editada por Laverde Ediciones,S.L. e que me serviu de referencia para escribir este apartado, sitúa a Assegonia ou Aixón na parroquia de Sergude (Concello de Boqueixón) e dende aquí traza unha ruta por entre os montes de A Pedreira e Vilaboa ata Corneda, seguiría próxima ós castros da Moura, Barreiros e Prevediños, a continuación seguiría por Noaio e Castro ata chegar a capela do monte San Sebastián en Loxo, despois seguiría máis ou menos polo trazado da actual estrada comarcal de Ponte Ulla a Burres e por Arzúa ata Melide.

        Meditando a fondo o feito de que cada investigador trace o seu propio camiño para xuntar varios poboados ou mansións, aparte das coincidencias que poidan existir, entra dentro dunha lóxica razoable que houbera varias alternativas, xa que había vías principais, secundarias e outras de enlace, de aí o famoso dito popular de que “tódolos camiños levan a Roma”.

        Para rematar de falar sobre o tema temos que deixar claras unha serie de consideracións:

  1. Na Croa do Castro, igual que nos outros castros existiu un poboado celta.
    • Os distintos asentamentos tiñan que estar comunicados por algún camiño.
      • Coa chegada dos romanos ampliouse a rede viaria arranxando os camiños existentes e construindo outros novos.
        • Sería lóxico pensar que o actual Camiño Real que pasa moi preto do Castro de Fao, xa podía existir na época prerroma e romana e logo se transformara en Camiño Real que comunicaba e sigue a comunicar as comarcas de Santiago e de Vila de Cruces pola Ponte Basebe.

       Pazos

      Non se pode falar da historia da parroquia de Fao sen facer mención ó Pazo de San Cristovo, que a pesares de estar bastante afastado do resto dos núcleos poboados da parroquia, garda relación con apelidos ilustres coma os Montero, os Neira, os Montenegro e os Gasset entre outros. Está situado ó suroeste da parroquia e as súas terras forman unha finca que na actualidade mide máis de 500 ferrados da zona pero nos séculos pasados posuía moitas máis terras. Nos seus momentos de esplendor algúns herdeiros chegaron a emparentarse cos donos doutras casas importantes, entre elas a Casa de Brandeso. Unha tal Isabel Montero Figueroa procedente do Pazo de Brandeso casou no ano 1637 con Cristóbal Fernández Moreiras, propietario de San Cristovo, e despois no ano 1657 volveu a casar co alférez Marcos Fernández Moreiras, irmán do anterior. Unha filla do primeiro matrimonio, María, Casou con Antonio López de Neira que era o dono de casas importantes da comarca do Deza. Os descendentes dos anteriores, foron emparentando con xente da fidalguía ata que despois dalgunhas xeneracións nace Juan José Neira Pardo,  que por estar dentro da liña sucesoria de Isabel Montero, faise dono do Pazo de Brandeso, xa que este quedara sen herdeiros. Por iso din algúns maiores da parroquia de Fao que viñan carros cargados de cereais para San Cristovo. Durante os séculos XIX e XX, o pazo foi pasando por mans de familias importantes ata que finalmente tivo que ser vendido.

    Os terreos do pazo chegan ó río Ulla, un pouco máis arriba do chamado Pozo do Pego. Son terras moi abrigadas do norte e orientadas cara o sur polo que se producían aquí grandes colleitas de cereais, patacas, froitas e viños de excelente calidade. As súas praderías tamén permitían a cría de gando vacún, cabalar, porcino e outros animais domésticos.

      Para chegar a este pazo hai que coller un camiño de carro que arranca da aldea do Cascallón polo fondo da agra de Vileriño, antes de chegar observaremos unha fonte a beira do camiño e a súa auga vai por un rego canalizado, tapado con lousas ata chegar preto do pazo. Primeiro atoparemos a casa onde vivían os caseiros que traballaban no pazo, na que aínda se poden observa-las distintas dependencias. Pegado a esta casa hai un alpendre que na actualidade está case desfeito. Máis abaixo á esquerda está o pombal, de considerables dimensións, tamén en estado ruinoso. Seguindo por un carreiro chegamos a unhas columnas de pedra onde estaba amarrado o portal que daba acceso á casona. Entrando  a esquerda hai un pequeno cobertizo  no que supostamente se amarraban os cabalos e a dereita hai unha pequena capela que agora está tellada con uralita e na que se observa un pequeno altar en estado ruinoso, no que faltan as imaxes. Enfronte está a casona que ten dúas naves que se xuntan formando ángulo recto. Detrás da casa está o lagar. Na porta principal da casa, que está ben cerrada pódense observa-los restos da instalación eléctrica que alimentaban cun pequeno dínamo instalado no rego de Portamuiños. O que non se atopa por ningures é o escudo, un dos elementos típicos de calquera pazo que se prece. Tampouco se ten constancia de que nesta casa houbera escudo en tempos pasados. De todas formas, foron varias as familias ilustres que posuíron ou tiveron relación co pazo de San Cristovo.

      Na actualidade, as que antes eran terras de labor, son agora espesos bosques nos que foron nacendo de forma desordenada plantas autóctonas, sobre todo carballos, castiñeiros, loureiros, salgueiros e outras especies de gran beleza paisaxística pero de escaso interese económico. Custa traballo imaxinar que estes montes, agora en abandono, produciran noutros tempos productos agrícolas de  boa calidade.

    Para ter máis información do Pazo de San Cristovo non deixen de visitar a seguinte páxina web:

https://foros.xenealoxia.org/viewtopic.php?t=2692&highlight=casa+++brandeso&sid=410ebcc7256503a6f148380311fe099b

    Se visitaron o enlace anterior, poden ver que na Parroquia de Fao tamén se fala da existencia  doutra casa con escudo de armas, a Casa dos Becerra ou dos Ferreiros.

    Se seguimos monte arriba, ó lado das terras do pazo de San Cristovo hai unha finca de considerables dimensións (máis de 200 ferrados) que contaba con excelentes zonas de cultivos agrícolas e que na actualidade tamén está cuberta de carballos e outras especies que forman un denso e tupido bosque. É a chamada “Finca do Retorno” que aínda conserva a casa onde se refuxiaban os empregados.  

    Tamén hai que mencionar que na aldea de Pena hai unha casa en estado de abandono que lle chamaban  "A Casa da Illoa". Na fachada desta casa ainda está o escudo coas armas dos antigos propietarios, o que nos indica que procede dunha importante familia. Nesta casa recollíanse as rendas de varios veciños da parroquia. A balconada que tiña diante da porta derrubouse cando se ampliou o camiño da aldea.

         Muíños

        Os muíños que se construían nos ríos e principais regatos, xogaron un papel fundamental na economía familiar dos séculos pasados. En Fao existían polo menos unha ducia de muíños que estaban distribuídos no río Ulla, no Lañas, no regato de Portamuíños e no de Liñares. No Lañas, había catro muíños pertencentes a esta parroquia: os dous muíños das Pombas, que estaban na mesma construcción, eran o Muíño do Crego e o de aparcería; os dous da Carballa, recentemente restaurados polo Concello e o chamado Muíño  Vello (xa desaparecido) no que  tiñan participación veciños de Fao e de Touro. Xunto a este muíño había tamén un pequeno dínamo que levaba electricidade para a casa do Tendeiro de Bustelo. Hai que dicir tamén que os dous muíños da Carballa conservaron os nomes de dúas importantes familias desta parroquia; o Muíño de Lago e o Muíño dos Castelos.

         No Rego de Portamuíños aínda se conservan os restos do Muíño de Valerio, do Muíño de Rilo, do Muíño de San Cristovo e do muíño de Xan de Rilo. Xunto ó muíño de San Cristovo tamén había un dínamo que producía electricidade para o pazo que leva este nome.

         No Rego de Liñares, preto da aldea do Arroeiro están os restos dun muíño que lle chamaban o Muíño dos Ferreiros. Máis abaixo do anterior, no fondo dos prados de Liñares hai outro muíño con tódalas pezas en bo estado de conservación. Uns cantos metros máis abaixo deste muíño hai un forte desnivel no terreo e cando o regato vai cheo, forma unha espectacular fervenza que lle chaman “A Fervenza do Inferniño”.

    No río Ulla, en Quintas,  estaba o muíño e o dínamo da casa do Malagueño. Preto deste pero na outra banda do río estaba o muíño de Mato, pero este xa pertencía á parroquia de Brandomés na provincia de Pontevedra.   

    Máis recentemente, construíuse no centro da parroquia, na aldea dos Paces, un muíño de maquía que funcionaba con electricidade e que atendían a medias partes, as familias Castelo de Eirexe e Pampín de Soutullo. Este muíño contaba tamén cunha peneira eléctrica que iba peneirando e clasificando a fariña dende a máis miúda ata o relón ou salvado.

         A maior parte dos muíños de auga eran de varios veciños e cada un tiña que moer os días ou noites que lle correspondían segundo as “pezas” que tivera. Cada peza daba dereito a moer doce horas, ás veces de día e outras veces de noite. Estas pezas fóronse herdando de pais a fillos ó longo de varios séculos. Os encargados de pica-las pedras do muíño para que moera ben, e de arranxar tamén os outros mecanismos para que todo estivera a punto, eran “os compoñedores” que ó cabo do ano ían de casa en casa recollendo a maquía ou pago en especies (millo, trigo ou centeo). Cada veciño tiña que pagar segundo o número de “pezas” que tivera. Para que se fagan unha idea, este que escribe, neto dun destes compoñedores, o primeiro abrigo feito a medida que tivo cando era cativo, foi cos cartos da venda do gran que se xuntou ese ano. Cando os arranxos do muíño eran de máis envergadura xuntábanse tódolos propietarios que tiñan pezas no muíño para entre todos porlle remedio: reparación do tellado, transporte dunha nova moa ou capa cando a vella estaba gastada ou rota, construcción da canle para a  auga con pedras ou escarbando á man un tronco dun carballo ben feito, entre outros traballos.


Contacto

Parroquia de Fao

Visiten tamén a páxina sobre o Concello de Touro:
https://concellodetouro.webnode.es/