PERSOEIROS - Veciños na diáspora
Persoeiros (Non están tódolos que son pero son tódolos que están)
Veloso (Futbolista)
Inauguramos esta sección co futbolista Veloso. José Luis Fidalgo Veloso naceu en Santiago de Compostela o 23 de xullo de 1937. Xogou en varios equipos: Eiriña, Vasquiños, C. Santiago, Turista de Vigo, Deportivo da Coruña, Real Madrid, Orense, R. Vallecano e Compostela. Pero onde comezou a coñecerse como futbolista famoso foi no Deportivo de A Coruña formando un tándem mortal de cara a portería rival con Amancio Amaro, marcando eles gran parte dos goles do equipo. Igual que Amancio tamén fichou polo Real Madrid onde xogou 4 tempadas entre os anos 1965 e 1969, acadando nese tempo tres Ligas e unha Copa de Europa entre outros títulos. Formou parte daquela mítica alineación do Real Madrid onde xogaban os Amancio, Velázquez, Gento, Groso, Serena e outras figuras. A súa dona, coa que casou de mozo, é da parroquia de Fao onde actualmente pasa longas temporadas e aproveita para marcarse unhas boas camiñatas polos sendeiros de Fao e outras parroquias veciñas.
Manuel Amigo Vázquez (mestre - procurador, falecido)
D. Manuel Amigo Vázquez traballou como mestre en varias escolas ata que finalmente obtivo destino na escola nacional da parroquia de Fao, a súa terra, onde substitúe a aquel mestre tan rezador que lle apodaban "Xan Grande". Impartiu clases alá polos anos sesenta. Pero aparte de impartir clases adicábase a outras tarefas. Eran moitos os veciños da parroquia que solicitaban os seus servizos cando querían facer as escrituras de compras ou permutas de fincas. Na maioría das casas de Fao hai escrituras de fincas do seu puño e letra. Tamén xogou un papel moi importante na apertura da estrada entre Fao e Touro, poñendo cartos do seu bolsillo e contando coa axuda dos veciños e incluso dos alumnos maiores da escola, botáronse moitos tractores de pedra na mencionada estrada, pedra que era arrancada no campo do Moutarón, onde se fan as festas parroquiais. Cando se xubilou, ven a ocupar a praza vacante un xoven mestre, D. Jaime Viaño Calviño, que chega con ganas de ensinar e logra que a maioría dos seus alumnos consigan progresos significativos a curto prazo. Este mestre que impartiu clases en Fao e despois no centro agrupado de Touro durante varios anos, tamén está moi vencellado a esta parroquia, xa que está casado cunha veciña de Fao, tamén mestra, Dna. Carme Fernández Brea.
Jesús Fernández Brea (rexistrador da propiedade)
D. Jesús Fernández Brea, "Suso de Fernández", fillo dos finados Maruja e Francisco de Fernández, os que rexentaban a taberna que había frente ó local da escola. Moi sacrificado nos estudios, fixo a carreira de Dereito e máis tarde preparou e aprobou as oposicións a Rexistrador da Propiedade, cargo que desempeña na actualidade.
Angelito Becerra (frade do Entroido, falecido)
Máis coñecido polo "Padre Ribadulla", típico frade do Entroido de Fao, que fixo disfrutar cos seus sermóns a tantos miles de persoas que teñen acudido a Fao o martes de carnaval. O seu discípulo "O Padre Antonio" é o que se encarga agora desta tarefa.
Relixiosos
José Manuel Grandas Lago ( sacerdote ).
Comezamos este apartado dedicado ós relixiosos nados na parroquia de Fao, falando dun xove sacerdote, D. José Manuel Grandas Lago, da familia Lago (aldea de Pena), recentemente ordenado sacerdote, que tamén fora bautizado nesta parroquia polo Padre D. Luis Amor, e 24 anos máis tarde, este mesmo sacerdote, pola festa do Carme do 2008, asistiu xunto con outros sacerdotes a primeira misa que José Manuel celebraría en Fao, onde a xente da parroquia lle ofreceu mostras afectuosas de cariño e o desexo de que Deus lle dea unha longa vida no mundo do sacerdocio.
Ramón Suárez Santiso (sacerdote jesuíta falecido)
D. Ramón Suárez Santiso, pertence a unha longa e coñecida familia desta parroquia, da que tamén forman parte outros membros con importantes profesións ( médicos, psicólogos, avogados, etc.) Trátase da "familia Cruz". O Padre Ramón, persoa moi querida, nunca perdeu o contacto con esta parroquia e cando as obrigas do seu destino llelo permiten fai escapadas a súa parroquia natal e colabora co cura párroco de Fao, dicindo misa ou prestando outro tipo de axuda.
José Couto Pampín (sacerdote falecido)
D. José Couto Pampín foi outro fillo desta parroquia dedicado ó sacerdocio. Di a xente que era moi discreto cando celebraba e moi espléndido cantando. Na actualidade aínda vive a súa nai, pero él faleceu na plenitude da súa vida sendo cura párroco de Gres, xunto a Ponte Ledesma.
Manuel Fernández Lago (sacerdote falecido)
D. Manuel Fernández Lago, " O Cura de Fernández", estivo de cura párroco na parroquia de Santa Leocadia (Arzúa) e despois foi nomeado capelán do convento de Clarisas Descalzas, situado na Praza de Santa Bárbara (A Coruña) onde exerceu o sacerdocio durante bastantes anos, falecendo cunha longa vida a súas espaldas.
Outro sacerdote coñecido, relacionado coa parroquia de Fao é "o Cura Xunqueira" que atende varias parroquias de Vila de Cruces (Pontevedra). O seu pai saíu da casa de Amigo de Fao.
Na antiga casa do Tendeiro de Fao tamén houbo, xa fai bastantes anos, outro cura que está enterrado no cemiterio parroquia
Relixiosas
No convento de Clarisas antes mencionado estaba Manuela Fernández (irmá do sacerdote), tamén falecida. Neste mesmo convento aínda exercen a súa clausura outras relixiosas veciñas de Fao: María de Goracho, Carme do Xepe e Carmen de Rey.
Outras veciñas de Fao que exercen a súa vocación relixiosa en distintas ordes relixiosas e en distintos conventos son: a "Monxa de Andrés", a "Monxa de Amaro", as irmás "Margarita e Pilucha de Valerio" e "Carme de Monteiro".
Personaxes míticos
O "Santo Entroido" de Fao (protagonista do Entroido)
O "Santo Entroido" é o principal protagonista da festa pagana de Martes de Entroido que se acostuma a celebrar na parroquia de Fao. O Entroido é un personaxe simpático, osado, que disfruta dos máximos praceres da vida, derrochador, que transmite ós demáis; chispa, ledicia, ritmo, luxuria, abusos e pracer para os sentidos, en fin, representa ao pecado. Por iso esta festa estivo moitos anos prohibida pola Igrexa Católica e despois do seu santo enterro, o martes de carnaval deixa paso a Dona Coresma que sae vencedora ata o vindeiro ano, despois do seu enfrontamento co Entroido.
O Vello dos Cornos (personaxe do Entroido)
O Vello dos Cornos non é unha persoa real. Trátase tamén dun personaxe típico das máscaras de Martes de Entroido en Fao. Para disfrazarse de Vello dos Cornos había que buscar un home que cos seus ditos ocorrentes e chistosos soubera dar boas respostas aos demáis personaxes da comparsa carnavalesca (vellos, alcalde, frades, etc.) coa intención de facer rir á xente
Veciños na Diáspora
Igual que ocorre na maioría dos pobos de Galicia e tamén do resto de España, foron moitos os veciños desta parroquia que por motivos sobre todo económicos e outros por motivos políticos, durante a represión franquista, que a finais do século XIX e ata mediados do século XX tiveron que deixar a súa terra. Primeiro emigraron a distintos países de América latina: Cuba, Brasil, Venezuela, Uruguai e sobre todo Arxentina, por iso consideran a Bos Aires como a quinta provincia de Galicia xa que é o lugar onde residen máis emigrantes galegos censados. Despois da guerra civil comezou a emigración a distintos países europeos: Alemania, Inglaterra, Francia e Suiza. Estes últimos países estaban relativamente cerca pero os que iban para Bos Aires tiñan que viaxar en barco preto dun mes para chegar ao su destino. Algúns xa falecían na viaxe, outros chegaban e non gañaban para voltar a súa terra, outros fixeron fortuna, outros deixaron aquí a familia para formar outra alá. Como dicía Rosalía de Castro polas mulleriñas que aquí quedaban: “viuvas de vivos e viuvas de mortos”.
Como é imposible nomealos a todos, xa que tódalas familias tiveron ou teñen familiares na diáspora só vou facer referencia a algúns deles.
Mª Victoria Couto Vilar (xuíza)
A Dra. Mª Victoria Couto Vilar naceu na parroquia de Fao e cando tiña cinco anos tivo que marchar para Montevideo, capital de Uruguay, porque os seus pais tiveron que emigrar coma moitos máis. Ven a ser filla de Alfonso Couto (falecido) e de Rosalía Vilar. Moi sacrificada nos seus estudos, o que lle permite ir escalando postos na súa profesión. Non hai moito que pasou a ter un cargo importante na administración uruguaya, o que alá chaman Ministra do Tribunal de Apelacións, en Montevideo, nomeamento feito pola Suprema Corte de Xustiza da República de Uruguay. Cando ten ocasión, non deixa de visitar a parroquia de Fao.
Ricardo Rodríguez García marido de Manuela Ferreiro e avó paterno meu, estivo algún tempo en Bos Aires pero volveu ó seu pobo onde deixara a súa familia.
Ramón Fernández Balo, meu avó materno, foi a Bos Aires tres veces, sen demasiado éxito as dúas primeiras veces pero na terceira viaxe estivo dez anos traballando nunha panadería e fixo diñeiro para voltar a Galicia, construir a casa en que vivimos e mercar algunhas fincas para traballalas. Dous irmáns de Ramón, Ricardo Fernández Balo e José Fernández Balo tamén marcharon para Bos Aires, formaron alí unha familia e nunca máis volveron a Galicia.
Dous irmáns de miña avoa materna Manuel Pensado Rodríguez e Esclavitude Pensado Rodríguez e tameń o marido desta Pedro Quinteiro tamén se foron para Bos Aires e alí se quedaron coas súas respectivas familias para nunca máis volver.
José Ferreiro López (irmán de Flora e Manuela) que marchou para Bos Aires e alá casou con outra emigrante, Dolores Otero natural de Meaño. Tiveron tres fillos varóns (Fernando, Félix e José) e oito netos: Graciela, Óscar, Mónica e Mabel que son fillos de Fernando; Silvia e Ricardo que son fillos de Félix; e Andrea e Eduardo que son fillos de José pero a familia sigue sumando sendo moito máis numerosa que a que quedou en Fao. José Ferreiro non voltou a Galicia e os seus fillos tampouco viñeron, pero quen si o fixo foi a neta de José Ferreiro, Silvia Alicia Ferreiro que ten tres fillos xa maiores e traballa de profesora. Viaxou a Galicia para coñecer de preto os lugares de nacemento dos seus avós paternos e tamén algúns familiares e intentar así reconstruir a árbore xenealóxica da súa familia galega.
A continuación podemos ver algunhas fotos de José Ferreiro e familia.


José e Dolores (na esquerda das fotos)


Graciela (primeira neta de José) na festa dos 15 anos, cos seus avós José e Dolores
Silvia na festa dos15 anos, outra neta de José balilando co seu pai Félix.
